sábado, 12 de enero de 2013


COMPROMETIDOS

“Era unha mañá triste de inverno. O ceo amanecera cuberto de escuras nubes  que semellaban ser  o presaxio  dos acontecementos que se vivirían nas vindeiras horas na nosa parroquia de San Xoan de Filgueira.
Toda a feligresía sabía do compromiso que Anxo Ferreiro Currás, o noso párroco, tiña coa causa obreira e coa xente máis desfavorecida que loitaba por defender os seus dereitos ante unha dictadura que semellaba  asoballadora e inamobible.
Pronto se correu a voz: detiveran a Currás, xunto con outros compañeiros, e leváranos a non se sabía moi ben onde.

Moitos de nós eramos algo máis que os seus feligreses, contabámonos entre o grupo dos seus amigos que, a demais de compartir con el o seu ideario, tamén tiñamos vivido mois bos momentos de reflexión e lecer diante dunha cunca de queimada ou dunha boa merenda compartida nos campeiros de San Pedro de Anca ou mesmo debaixo das maciñeiras da nosa casa.

Puxémonos de contado en contacto coa súa familia. A súa irmá Anisia estaba moi disgustada pero era consciente de que esta mala nova podía chegar en calquera momento. Ofrecémoslle o noso apoio e tentamos artellar a maneira de buscar a axuda entre o círculo de persoas máis achegadas.

Foron pasando os días e Anxo  pasou formar parte do grupo de “curas comunistas” que, por ser fieis á súa ideoloxía e ao seu compromiso de vida coa doutrina que todos eles defendían como crentes e seguidores de Xesús de Nazaret, tiveron que pagar inxustamente co cárcere.”


Gardo recordos moi entrañables  dos bos momentos vividos co meu avó: as nosas longas conversas sobre as súas experiencias vividas,  anécdotas divertidas ou esta curiosa historia que forma parte do seu pasado e agora recollo aquí como reflicto da nosa relación tan intensa e especial.


 Foi unha grande sorpresa descubrir que a escritora ferrolá Rosa Cal Martínez, compañeira de Anxo Ferreiro Currás, veña de presentar o seu último traballo “ Los curas contra Franco, Ferrol 1950-1978”, un libro necesario para reconstruir os últimos anos do franquismo na nosa cidade cando un grupo de curas comprometidos (Gabriel Vázquez Seijas, Xosé Chao Rego, Vicente Couce, Martínez Aneiros, Cuco Ruiz de Cortázar e Ferreiro Currás), xunto co Partido Comunista e Comisións Obreiras, na loita contra a dictadura.  










domingo, 2 de diciembre de 2012

VIAXE NO TEMPO!


                     
"A PORTA DO MUNDO" 




        A serra da Capelada está  situada nos concellos de Cedeira , Ortigueira e na parte occidental do concello de Cariño, a rentes do Océano Atlántico. Posúe elevados cantís, un  dos  cales é  considerado  o  máis alto  da  Europa continental, con  612 metros de altitude : o monte de Herbeira.  Alí  podemos contemplar  a gradiosidade e bravura do mar, o   que leva  a  estas  paraxes  a  ser   un  dos   lugares   turísticos  galegos  máis visitados.



Moi   preto  deste  marabilloso  mirador  atópase a parroquia de Santo André de Teixido, lugar de peregrinación do pobo galego que se deu  xa a partir  da Prehistoria e dos tempos da cultura castrexa e que pertence a esa Galiza máxica de lendas, mitos e misterios en torno á morte.

Segundo as crenzas celtas, desde a Vixía de Herbeira podíase ver desaparecer o sol tras do océano para dirixirse cara unha brumosa illa coñecida como a da Eterna Xuventude. Para os celtas Teixido era “ A PORTA DO MUNDO”.


                              



A lúa acollía nesta  illa ás almas inmortais dos benaventurados que pretendían cruzar o mar nunha barca guiada por un deus psicopompo, o que guía as ánimas no mundo do máis alá. Este paraíso celta  de difícil acceso é ao que se dirixían as almas benditas en busca da tranquilidade e da vida eterna.

Ao deixar os corpos   dos difuntos, as  almas debían percorrer  un largo camiño para chegar ao máis alá.  Desprotexidas   e medio cegas, encomendábanse á piedade do viaxeiro que as acompañaba. Parentes e amigos do finado acompañábano a pé ou noutro  medio  de transporte ata  o Santuario  de San André xa que este era o lugar de embarque onde as ánimas subían a unha barca de pedra, a pena Gabeira. Esta pedra, illada   no océano   Atlántico   perto  da  costa,  parece   a proa  dun   barco  no que se emprenderá unha viaxe pantasmal á illa da Eterna Xuventude conducidos por un deus.



Esta ruta segue a estela da Vía Láctea, común aos camiños de Santiago de Compostela e de San André e que ten a súa fin no Fisterra Atlántico.

Desde o Neolítico aos tempos da dominación romana os difuntos enterrábanse en zonas de tránsito, os camiños, que posuían unha forte carga cultural. Unha proba témola no camino de San André. Ao longo do seu percorrido hai unha serie de túmulos como a necrópole megalítica do Monte dos Nenos ou as mámoas de Portonovo ou de Pena Moura que, ademais de enterramentos, serven de división entre concellos limítrofes.




Coa era cristiana non desaparecen estes ancestrais lugares de culto; consérvanse os rituais primitivos, o costume de acompañar ás ánimas e, sobre todo, a obriga de “ facer   o camiño”.

A orixe haxiográfica da peregrinación a San André atópase na tradición cristiana que sinala como o santo chegou aos cantís de Teixido nunha barca que embarrancou e se convertiu nunha rocha: a Pena Gabeira, coñecida tamén co nome da Barca de San André. 
O santo laiaba por estar nun santuario  esquecido e nun lugar tan afastado, en contraposición con Santiago Apóstolo, lugar con moitos romeiros e de gran devoción. Entón Deus, para reconfortalo, díxolle que ese lugar estaría consagrado a el e sería visita obrigada  para todos os galegos e galegas (e xentes cristianas en xeral) ao menos unha vez na vida; quen non fora de vivo iría de morto, como alma en pena ou encarnado nun pequeno animal. Ten a consideración de ser A Meca do pobo galego. De todos é coñecido o dito popular:

        “ Quédate eiquí, San Andrés,
            que de vivos ou de mortos
    todos te virán a ver “.



Polo tanto, os conductores terrestres e mariños das almas son os santos a través do poder das súas reliquias que permanecen gardadas nos altares das  igrexas nas que son venerados. Existe a crenza de que os santos dos relicarios collían das mans ás almas dos difuntos enterrados ao seu lado e conducíanas nun longo cortexo ata o ceo.
Esta tradición deu pé a que os romeiros visiten santuarios como o de San André, manténdose así un vello itinerario fúnebre que ten a súa orixe nos tempos do neolítico e que  perdura ata a actualidade.

Eu fun quén de cumprir  coa miña obriga de ir a San André, e VÓS?





domingo, 4 de noviembre de 2012

A FESTA DE SAMAÍN.


A  noite do día trinta e un de outubro celebramos en Galicia o coñecido “SAMAÍN” onde nos difrazamos de personaxes de medo, os nenos pequenos fan as suas cabazas para levar a festas ou poñer nas súas casas co fin de asustar pola noite, comemos castañas todos xuntos e tamén recordamos a todos aos  seres queridos que xa non están connosco.



A pesares de ser unha tradición celta na súa orixe a expansión que tivo por todo o mundo fixo que se situase na súa meirande parte nos Estados Unidos onde recibe o nome de “Hallowen” provocando que en moitos casos ese día sexa identificado por ese nome.
Nos últimos anos, desde as escolas de Educación Infantil e Primaria, estase a traballar para recuperar a celebración desta festa como podemos ver neste vídeo.


Desexo que nos vindeiros anos todos nós manteñamos viva esta tradición!