sábado, 6 de abril de 2013

EN CLAVE DE SOL


A identidade dun pobo ven dada pola súa lingua, polos seus costumes, polos acontecementos que foron desenvolvéndose ao longo da historia e polas distintas manifestacións artísticas que as súas xentes foron creando co paso do tempo.
A música é parte da nosa cultura. O noso pobo, grazas á tradición oral, conserva un cancioneiro popular que foi recollido por importantes  folcloristas
e investigadores como Casto Sampedro y Folgar.
Asemade, o panorama musical galego tamén está conformado por grande cantidade de músicos de diferentes estilos que ao longo da súa traxectoria foron inspirándose nas nosas raíces melódicas, nos nosos poetas ou, como sucede na actualidade, incorporando os novos estilos do panorama musical máis actual ás súas composicións.
Fuxan os ventos, Milladoiro, Luar na lubre, Berrogüetto... son algúns dos grupos con maior proxección alén das nosas fronteiras. 




Músicos como Carlos Núñez, Cristina Pato, Víctor Aneiros, Uxía, Ses ou Mercedes Peón que, na súa carreira en solitario, levan o espírito galego alá onde van.
E por último, os grupos da MOBIDA GALEGA máis actual: Kastomä, Ruxe-ruxe, Ataque Estanque, Thehomens 4, Zënzar, O son do galpón, Lamatumbá, ACadaCanto, Astarot, Nao, Dios ke te crew... e tantos outros que están a revolucionar o panorama musical galego coas súas arriscadas e novidosas aportacións, máis respectando os sentimentos máis fondos expresados a través de composicións propias ou dunha maneira intimista, recuperando os versos dos nosos poetas máis representativos como Rosalía, Celso Emilio ou Curros.



UNHA NOITE NA EIRA DO TRIGO (Curros  Enríquez)

Unha noite na eira do trigo
ó reflexo do branco luar
unha nena choraba sen trebolas
os desdéns do ingrato galán.

E acoitada entre queixas dicía:
xa no mundo non teño a ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos,
os olliños do meu doce ben.

Os seus ecos de malencolía,
camiñaban nas alas do vento
e un lamento.... repetía...
vou morrer e non ven o meu ben.

Lonxe dela de pé sobre a popa
dun leve e negreiro vapor
emigraba camiño de América,
vai o probe e infeliz amador.

E o mirar a sentis anduriñas
cara a terra que deixa cruzar
quen poidera dar volta, pensaba,
quen poidera con vosco voar.

Mais as aves e o buque fuxían,
sen ouir seus amargos lamentos,
soio os ventos repetía,
quen poidera convosco voar.

Noites craras de aromas e lúa,
dende entón que tristeza en tempos hai
pros que viron chorar unha nena,
pros que viron un barco marchar.

Dun amor celestial verdadeiro,
quedou soio de bagoas a popa,
unha cova, un outeiro
e un cadavre no fondo do mar...




DEITADO FRENTE AO MAR (Celso Emilio Ferreiro)
Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...





A XUSTICIA POLA MAN ( Rosalía de Castro)

Aqués que tén fama de honrados na vila, 
roubáronme tanta brancura que eu tiña; 
botáronme estrume nas galas dun día, 
a roupa de cote puñéronma en tiras.

Nin pedra deixaron en donde eu vivira; 
sin lar, sin abrigo, moréi nas curtiñas; 
ó raso cas lebres dormín nas campías; 
meus fillos..., ¡meus anxos...!, que tanto eu quería, 
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!

Quedéi deshonrada, mucháronme a vida, 
fixéronme un leito de toxos e silvas; 
y en tanto, os raposos de sangre maldita, 
tranquilos nun leito de rosas dormían.

-¡Salvádeme, ou, xueces!- berréi...¡Tolería! 
De min se mofaron, vendéume a xusticia. 
-Bon Dios, axudaime- berréi, berréi inda... 
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.  

Entonces, cal loba doente ou ferida, 
dun salto con rabia pillei a fouciña, 
rondei paseniño... ¡Ne as herbas sentían! 
I a lúa escondíase, i a fera dormía 
cos seus compañeiros en cama mullida.  

Mireinos con calma, i as mans estendidas, 
dun golpe, ¡dun soio!, deixéinos sin vida.  
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,  
tranquila, esperando pola alba do día. 
Estonces..., estonces cumpréuse a xusticia:

eu, neles; i as leises, na man que os ferira.




 “ ACADACANTO AS CANCIÓNS TOMAN O MANDO DO MUNDO
E CÁNTANLLE PARA QUE SIGA VIRANDO.
ACADACANTO AS NAOS QUE GUÍAN OS ASTROS XUNTAN OS MASTROS
E OS VERSOS E AS COPLAS VANNOS TRIPULANDO.
ACADACANTO OS ENCONTROS NO VENTO QUE FORON PASANDO
ATÓPANSE MAÑÁ PARA SEGUIREN CANTANDO...”

                                                                       AcadaCanto



XANTAR para tempos de CRISE.

lunes, 1 de abril de 2013

A FOTOGRAFÍA: PARTE DA NOSA CULTURA.

É sorprendente como en moi  pouco tempo a túa vida pode chegar a cambiar tanto.

Exactamente dende o instante que me chamou  a atención o son que facía a cámara ao sacar unha fotografía, dinme  conta de que ese aparello íame gustar  e que podía ser algo interesante para investigar e acercarme a distintas situacións con ela. Por iso en cada viaxe que facía coa miña familia quería levala e disparar algunha  instantánea  coa axuda dos meus pais, amantes desta arte.

O tempo foi pasando e, polo tanto, a vida. Tecnoloxías e, á vez  unha mesma, imos avanzando e  cambiando en cada instante do noso existir.  Doume conta cada día de que o mundo  da fotografía  ten algo especial que me atrapa e me impide deixalo. As cámaras xa non son o que eran  e  incluso, unha vez chegados a este punto, as expectativas de cada un van cambiando.

O  seguinte paso foi mercar a miña cámara dixital coa que puidera sacar as miñas fotos sen depender de ninguén e cando eu quixera. Cando vin que os meus obxectivos non os conseguía con este aparello, e tiña cada vez máis  claro que quería avanzar  neste universo, os meus pais decidiron mercar outra cámara de maior capacidade para poder seguir aprendendo  e conseguir o que eu desexaba.

Cando parecía estar todo moi claro respecto a este “hobby” ,apareceu unha persoa  na miña vida e fixo a suxestión de por que non colgaba o meu traballo nunha rede social onde todo o mundo puidera velo sen problema. Ao principio tiven que pensalo moito, posto que non estaba segura de que se iso era o que verdadeiramente quería e supoño que tamén me freou un pouco o vergonzosa que son e todo o que iso podía supoñer.

O caso é que un día, cando vin que podían ter  algo especial as diferentes fotografías que comezaba a facer, decidín crear  unha conta en flickr para que todos puideran velas. Ao comezo era poucos os que me seguían e facían comentarios  sobre elas pero, co paso do tempo, fun atopando xente que se interesou polo meu traballo e comezou a estar pendente del, o que me fixo ver que había persoas que realmente estaban interesadas en que seguira subindo fotos á páxina, sendo iso unha experiencia moi  gratificante:  poder ver que a xente estaba a disfrutar con el. Dinme conta de que o seguinte que tiña que facer era algo que permitira amosar todo o meu esforzo e traballo á xente que me arrodea e aprecia para poder compartir con eles as miñas fotografías. Deille moitas voltas ata que decidín arriscarme e montar unha exposición para toda a xente de Ferrol que quixera ver o meu traballo.

Moitas veces dicimos que as cousas sen pensar son as mellores e, neste caso, en menos de dous meses tiña a miña exposición montada e inaugurada nun día moi especial das vacacións de Nadal, podendo así  acadar  un soño que tiña, dende había un tempo, na miña mente.

Dende ese instante unha ten que madurar, deixar a vergonza fóra e comprender que se abre unha porta cara ao futuro. Con esforzo e traballo fun quen de controlar a situación, seguir cara adiante, obtendo una aceptación moi cálida de todo o público que se achegou a vela, das diferentes persoas que me axudaron a realizar a escolma das fotografías para expoñer, as críticas que recibín para poder seguir aprendendo (algo moi importante para min), coñecer  xente nova deste mundo, a cal a día de hoxe segue o meu traballo… noutras palabras, unha experiencia moi bonita e especial , algo que non vou esquecer posto que a día de hoxe a miña vida non tería sentido sen esta arte xa que é unha forma moi adecuada para plasmar os meus sentimentos.

Como en todas as situacións da vida, houbo persoas que aceptaron isto mellor que outras,algunhas por ciumes e outras porque non entenderon o que eu quería transmitir.
Cando remataron os días da expo  pensei que de momento era o máis importante  ao que podía chegar pero estaba equivocada posto que diferentes persoas  que visitaron a miña obra quixeron que levara a exposición  a diferentes lugares, un deles o meu centro de estudos no cal estanse a portar moi ben diferentes profesores que me coñecían por darme clase en anos anteriores e que agora estanme a axudar para poder conseguir novos retos como por exemplo unha entrevista para o xornal “La Voz de Galicia”, coñecer a diferentes fotógrafos profesionais ou unha entrevista na emisora de RadioVoz…diferentes situacións que fan que, a día de hoxe, a miña vida cambiara positivamente,  aprendendo día a día nisto que me gusta tanto e, sobre todo, ser quen de moverme en diferentes medios que están a conseguir que cada vez teña máis seguridade  e medre como persoa, algo moi importante para o meu futuro.

  Grazas á fotografía vinculeime cos diferentes aspectos que forman parte da  nosa cultura  galega: as feiras típicas de pobos que levan vivas toda a vida; as festas de toda a nosa xeografía, os restos arqueolóxicos dos nosos antergos, a nosa etnografía, os nosos monumentos, a nosa gastronomía, a nosa música e o máis importante para a cultura dun pobo: a nosa lingua.

Desexo que no futuro o meu traballo fotográfico poida reflectir diferentes aspectos da nosa cultura galega e sexa recoñecido  pola súa calidade e sentimentos que aporta. Poñerei da miña man toda a ilusión e esforzo xa que a miña aprendizaxe non fixo máis que comezar. 


Aquí podedes ver o enlace a noticia do xornal unha presentación cunhas cantas fotografías e a miña dirección de flickr coa primeira colección que fixen para a exposición: 




http://www.flickr.com/photos/esperanzavd/

Desexo que vos guste o meu traballo e poidades disfrutalo!  


domingo, 3 de marzo de 2013

A MIÑA CIDADE.


O tempo pasa e as persoas e as cousas cambian, como suceden na seguinte historia.

Son unha rapaza de dezasete anos que vive en Ferrol, unha cidade costeira situada no norte de Galiza e que, dende o meu nacementeo, sufriu moitos cambios, algúns para ben e outros para mal.

Se un mira as guías de turismo que se atopan nas axencias de viaxes, todas falan de Ferrol como unha cidade que merece a pena visitar polas diferentes paisaxes do seu contorno ou as diferentes festas que se celebran ao longo do ano e que non se atopan noutra parte de Galiza como a celebración da Semana Santa, coas súas espectaculares procesións, ou a Noite das Pepitas, onde diferentes rondaias cantan pola rúa creando unha sensación de ledicia para toda a cidadanía, e moi especialmente para todas aquelas rapazas que son as afortunadas de ser as súas madriñas e ter unha noite adicada para elas.

A simple vista todo é marabilloso pero dende 1995 as cousas cambiaron moito nesta cidade, desaparecendo moitas empresas, negocios e tendas que a formaban e que, a día de hoxe, no 2013 xa non exisiten.

Recordo que de pequena ía pasear pola rúa cos meus pais ou a miña avoa para ir ao Cantón. Era algo moi especial porque atopabas a moita xente na rúa. Respirábase a felicidade no ar. As tendas estaban abertas e cheas de vida, os pequenos parques infantis ao longo da cidade estaban cheos de nenos e nenas que, coma min, xogaban nun ambente de relax e tranquilidade onde as cousas parecía que ían bastante ben. Había traballo, a cada pouco aparecía unha tenda nova que traia a cidade novas técnicas ou utensilios que marcaban o cambio para un futuro como por exemplo as tendas de ordenadores, un aperello que co paso do tempo nos cambiaría moito a vida.

Na cidade tiñamos de todo, podías mercar un pantalón, un libro ou para unha lavadora porque había tendas de todo tipo co suficiente surtido para poder elexir, dende pequenos supermercados ata o mercado central, onde había moitos postos e tamén pequenos xornaleiros que chegaban das súas casas ilusionados para vender os productos da súa horta. Noutras palabras, pequenos ou grandes detalles que conformaban unha cidade viva e chea de ilusión.

Agora, se nos fixamos que é Ferrol na actualidade, penso que en vez de ser unha cidade viva é todo o contrario: unha cidade morta que pouco a pouco estase a quedar baleira de tendas, tendo agora que ir aos centros comerciais da volta para poder mercar o necesario e onde moitas persoas decidiron cambiar de domicilio para zoas máis afastadas do centro urbano onde parece que non está todo tan acabado o que levou a un importante descenso da poboación nos últimos anos.

Na actualidade non hai moitas zoas verdes ou parques decentes onde os nenos poidan xogar posto que agora a sociedade céntrase moito máis noutros intereses que en coidar e desenvolver a ilusión dos rapaces á hora de disfrutar.

As tendas están a pechar todas pola falla de cartos e, como consecuencia, de consumo debido a que estamos inmersos nunha grande crise económica mundial o que conleva non poder saír da casa no tempo de lecer para divertirnos no cine, nas cafetarías...e todo isto o está a sufrir moito a cidade.
Antes os venres ou fins de semana, sair por Ferrol pola noite era algo divertido, onde podías atopar a moita xente que coñecías cos que podias pasar un momento agradable xuntos. Agora, ás oito e media as poucas tendas que quedan cerran e a xente decide encerrarse nas súas casas e as rúas quedan desertas, ata o punto de sentir algo de medo ao camiñar a esas horas por se nalgún momento sucede algo e non tes a ninguém que che axude.

Outro tema que envolve esta cidade é o das obras urbanísticas que está a sufrir dende hai moito tempo, as cales pouco a pouco seguen acabando con ela como por exemplo a Praza de España: unha praza na que había a figura dun dictador e en vez de quitala e deixar o resto como estaba, sen destragar tempo e sen provocar moitos gastos, decidiron trasladar a estatua e, ao mesmo tempo, levantar toda a praza e facer unha explanada de cemento sen zoas verdes e cuns buratos profundos nos que pode haber risco de que a xente sufra un accidente.

Se nos fixamos na restauración cada vez hai máis locais que nos traen pratos de fóra e, polo tanto, a consecuencia é acabar pouca a pouco coa nosa cultura gastronómica pero, polo visto, moi poucos somos quen de ver esta realidade e non nos alegramos ao ver unha nova apertura dun restaurante chino.

Estas e outras preocupacións son as que me fan pensar que somos nós, a cidadanía, a que estamos a acabar pouco a pouco coa nosa cidade a cal está nun precipio abismal tendo ,ademaís, un grave problema con todas esas persoas que a día de hoxe aínda non son quen de ver a dura realidade que os arrodea.

Gustaríame volver a dicir que a miña cidade está a remontar e que ,pouco a pouco, as cousas e o ambiente de felicidade volven a formar parte das nosas vidas, de todos os ferroláns e ferrolás.

sábado, 2 de marzo de 2013

RÍO BELELLE.


Para algúns só é un camiño pedregoso de difícil aceso, demasiado longo unha perda de tempo ir si te consideras unha persoa de cidade.

Para outros só é un sendeiro fermoso, onde poder dar un paseo, quitar unhas cantas fotografías con alma do entorno, comer un bocata na parte baixa da cascada ou simplemente un lugar ao cerrar uns segundos os teus ollos consegue relaxarte.

Persoalmente para min o río belelle é un lugar moi especial por todo o vivido nel. Dende diferentes rutas con amigos e familia, excursións co proxecto comenius onde coñecín a moita xente de diferentes partes do mundo e ata estudos e reportaxes fotográficos das diferentes especies vexetais que existen nel. Polo tanto falar deste río e como facer un viaxe no tempo no cal como toda realidade  tamén ten as súas contras o cansacio a hora de facer as rutas o tempo empregado para facer os estudos, as caídas ao longo do caudal ou simplemente o desgusto que recibín cando observei a existencia da central hidroeléctrica algo que o único que fai e estragar o medio ambiente.

Aínda non teño moi claro porque me sucede isto pero cada vez que vou a dar unha volta a este lugar despertase no meu interior unha sensación de ledicia que fai que só me acorde dos bonitos momentos pasados nel onde teño que recoñecer que aprendín moitas cousas.

Pois ben este río está a formar parte da paisaxe de Galiza, un lugar pouco coñecidos para moitos ata que descobren o segredo e deciden volver cada pouco tempo polo ben que se está no entorno e polo máxico que pode chegar a ser posto que cada vez que se visita podes descubrir algo novo como se reflexa nesta escolma de fotografías onde están as miñas vivenzas no río. 


                     

A FROUXEIRA.


Na vida hai moitos tipos de relacións entre as persoas, algunhas son de parella  e  outras,  por exemplo, entre  pais e fillas, como a que  vou contar eu agora.
Nesta historia hai tres personaxes:  un pai, unha rapaza e unha praia. Dúas persoas e un lugar que teñen unha unión e un sentimento moi agradable e especial cando están xuntas.
Parece imposible  que unha das maiores e mellores praias (como é neste caso a de Valdoviño, ou mellor dito a da Frouxeira, un entorno natural  do que goza Galiza) poda conseguir transportarte  a outro universo o tempo no que estás sentindo a area debaixo dos teus  pés ou  eses instantes nos que escoitas o ruxir das ondas, ruxir que chega  ao máis profundo do  teu corazón.
Cada momento no que podemos escaparnos á nosa praia para tentar buscar a resposta  a  moitas das nosas dúbidas que están na nosa mente, imos. Cando necesitamos manter unha conversa onde ás veces hai boas novas ou, pola contra, só algunha bágoa derramada, imos . Cando no verán a marea está baixa e queremos darnos un baño antes de subir a xantar, imos. E   cando desexamos  quedarnos ata que a praia está baleira para ver as marabillosas postas de sol,  facémolo.
Para min cada vez que se fala da Frouxeira é como facer unha viaxe coa miña mente  a un mundo cheo de recordos dende a miña infancia ata o día de hoxe.
Únenos algo especial ao meu pai e a min con ela, que somentes nolos dous podemos alcanzar a comprender.
Pero non todo é perfecto. Ás veces este lugar rebélase e, en vez de aportar boas novas,traizoa e provoca situacións incorrixibles como as mortes da xente que se leva cando está a facer surf ou a pescar; temporais que acaban con múltiples vivendas ou desbordamentos na lagoa  que acaban con moitos dos bens das familias que viven preto dela.
Non todo na vida é agradable, hai que aprender a ver os dous lados da realidade e saber  que facer en cada caso para poder chegar a ser felices.
Grazas a esta marabillosa praia fun capaz de vivir momentos inesquecibles  co meu pai, unha persoa moi especial na miña vida.
Todo isto, e algún segredo máis, é o que representa para min esta parte tan bonita  e misteriosa de Galiza, algo con moito significado que sempre me acompañará ao longo da miña vida e que, dalgunha maneira, quero atrapar nas miñas fotografías.