jueves, 31 de enero de 2013

10 DE MARZO: O CRIME FOI EN FERROL.


O CRIME 

Víuse, camiñando entre fusís, 
por unha rúa longa, saír ao campo frío,
aínda coas estrelas, da madrugada.

Mataron a Federico 
cando a luz asomaba.

O pelotón de verdugos
non ousou mirarlle a cara. 

                      (Antonio Machado, O Crime foi en Granada)


“A estirpe obriera de Ferrolterra, homes e mulleres, ocupa un lugar senlleiro no que poderíamos denominar a Historia da Esperanza. Xente feita coa mellor madeir da humanidade, nos obradoiros do mar.”
Manuel Rivas.

     Rafael Pillado Lista (San Cibrao- Cervo 1942). Reside en Ferrol desde os dous anos, seguindo ao seu pai, preso no Castelo de San Felipe, pola súa militancia antifranquista.

    Aos  15 anos incorpórase á Escola de Aprendices da E.N.BAZÁN, empresa onde transcorre  a súa vida laboral até a xubilación. En 1960 afíliase ao PCE, desenvolvendo unha intensa actividade política e sindical. Participa na fundación das CCOO (o seu carnet foi o nº2 de Galicia; Xulio Aneiros tiña o nº1). Detido e encarcerado en varias ocasións, por mor dos sucesos do 10 de marzo de 1972 é procesado polo TOP no coñecido como Xuízo dos 23, sendo condenado a 7 anos de cárcere, dos que cumpre 4, até ser amnistiado na transición. Cofundador do PCG, militou despois na Asamblea para a Universidade dos Comunistas, Partido dos Traballadores e PSOE.

     Na actualidade é membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e Vicepresidente da Asociación Cultural Fuco Buxán.

     É o personaxe elixido para narrar,en primeira persoa, os sucesos acontecidos no movemento obreiro de Ferrol no ano 72.

    A mellor maneira de coñecer e valorar esta revolución,que afectou tanto á nosa cidade e cuxa factura se pagou coa vida de dous traballadores de Bazán, é escoitando  a entrevista que lle fixen a Pillado, na asociación cultural Fuco Buxán  o pasado sábado, 26 de xaneiro. 









     Despois de facer esta entrevista dinme conta de que teño moito que aprender da persoa de Pillado, alguén que ten moi claro o concepto de saír adiante na vida a pesar de atopar obstáculos no medio do camiño e, sobre todo, que claras ten as súas ideas e como fai todo o posible para poder conseguir o que quere, saíndo á rúa para loitar ou poñer todo de seu para axudar aos seus compañeiros cando o necesitan.



  Por outra banda hai que destacar a amabilidade que tivo á hora de empregar o seu tempo para responderme a estas cuestións,  tempo moi apreciado debido á grave enfermidade que padece na actualidade, tal e como me dixo: “ case morro o 22 de novembro, e aínda así estamos aquí”.

   É de destacar o seu compromiso coas diferentes mobilizacións que atopamos  na comarca para poder axudar a conservar  a súa existencia, como por exemplo estar a apoiar o movemento que está en contra da planta de gas, coñecido polo seu lema “Planta de gas fora da ría”,  do cal forma parte.


    Segundo a recente obra que escribiu, titulada “ O latexo da vida e da conciencia”, caben destacar as numerosas presentacións que se están a realizar por diferentes lugares (Ferrol, Valdoviño, Madrid ou Barcelona). Son de admirar as intensas ganas que ten  de seguir a escribir a segunda parte deste libro, o cal vai  tratar sobre a súa vida, unha vez que saíu do cárcere.

    Por último, quero engadir que a entrevista a Rafael me gustou especialmente porque me transmitiu  a súa ilusión por poder escribir, nun futuro, unha terceira obra para completar a triloxía onde se conte a súa vida e a do seu pai, nos anos nos que os dous coincidiron na historia, unha homenaxe moi emotiva por todos os sentimentos que a acompañan.



     Foi para min todo un pracer e un privilexio poder compartir este tempo con Rafael Pillado Lista, modelo de vida a imitar polo seu compromiso, a súa loita pola causa obreira e, sobre todo, por ser boa xente.

sábado, 12 de enero de 2013


COMPROMETIDOS

Era unha mañá triste de inverno. O ceo amanecera cuberto de escuras nubes  que semellaban ser  o presaxio  dos acontecementos que se vivirían nas vindeiras horas na nosa parroquia de San Xoan de Filgueira.
Toda a feligresía sabía do compromiso que Anxo Ferreiro Currás, o noso párroco, tiña coa causa obreira e coa xente máis desfavorecida que loitaba por defender os seus dereitos ante unha dictadura que semellaba  asoballadora e inamobible.
Pronto se correu a voz: detiveran a Currás, xunto con outros compañeiros, e leváranos a non se sabía moi ben onde.

Moitos de nós eramos algo máis que os seus feligreses, contabámonos entre o grupo dos seus amigos que, a demais de compartir con el o seu ideario, tamén tiñamos vivido mois bos momentos de reflexión e lecer diante dunha cunca de queimada ou dunha boa merenda compartida nos campeiros de San Pedro de Anca ou mesmo debaixo das maciñeiras da nosa casa.

Puxémonos de contado en contacto coa súa familia. A súa irmá Anisia estaba moi disgustada pero era consciente de que esta mala nova podía chegar en calquera momento. Ofrecémoslle o noso apoio e tentamos artellar a maneira de buscar a axuda entre o círculo de persoas máis achegadas.

Foron pasando os días e Anxo  pasou formar parte do grupo de “curas comunistas” que, por ser fieis á súa ideoloxía e ao seu compromiso de vida coa doutrina que todos eles defendían como crentes e seguidores de Xesús de Nazaret, tiveron que pagar inxustamente co cárcere.”


Gardo recordos moi entrañables  dos bos momentos vividos co meu avó: as nosas longas conversas sobre as súas experiencias vividas,  anécdotas divertidas ou esta curiosa historia que forma parte do seu pasado e agora recollo aquí como reflicto da nosa relación tan intensa e especial.


 Foi unha grande sorpresa descubrir que a escritora ferrolá Rosa Cal Martínez, compañeira de Anxo Ferreiro Currás, veña de presentar o seu último traballo “ Los curas contra Franco, Ferrol 1950-1978”, un libro necesario para reconstruir os últimos anos do franquismo na nosa cidade cando un grupo de curas comprometidos (Gabriel Vázquez Seijas, Xosé Chao Rego, Vicente Couce, Martínez Aneiros, Cuco Ruiz de Cortázar e Ferreiro Currás), xunto co Partido Comunista e Comisións Obreiras, na loita contra a dictadura.