domingo, 5 de mayo de 2013

O MAIO QUE EU QUERO


A Festa dos Maios é a que máis me gustaba celebrar na escola. Todas as nenas e nenos estabamos desexando que chegara o mes de maio para preparar as cancións que xa aprendéramos nos anos anteriores e, ao mellor algunha nova, para cantalas aos maios.

Dous días antes levabamos para casa unha notiña onde se anunciaba ás familias que había que levar á escola flores, verde (tulla ou camelia), fiuncho, xesta... e, se non tiñas nada diso, mesmo podías levar laranxas, limóns ou ovos cocidos para adornar os maios que iamos preparar entre todo o alumnado do centro.


A víspera pola tarde un grupo de profesoras e profesores quedaban na escola para forrar os maios co verde e deseñar a alfombra que iamos preparar entre todas e todos, alumnado e profesorado do centro. Mesmo a conserxe ou a administrativa tamén participaban, axudando no que podían. 

Ao día seguinte cada nena e neno, xunta coa súa titoría, espetaba unha flor no maio e axudaba a facer a alfombra floral situada no medio do patio de lecer, lugar onde se ían colocar os maios para ser cantados.

O tempo de colocarnos arredor no patio agardando a que chegaran os maios en procesión era algo máxico. Mentres soaba o poema de Curros Enríquez, interpretado por Luis Emilio Batallán, nenas e nenos de Educación Infantil e dos distintos ciclos de Primaria levaban cadanseu maio e colocábano no medio do patio, sobre a alfombra. Entón chegaba o momento de cantar aos maios, nun gran coro, disfrutando da chegada da primavera.


Manuel Curros Enríquez
O MAlO
Aquí ven o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo galego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.






Era a miña festa favorita porque nela participabamos todas e todos: traendo flores, adornando e cantándolle aos maios. Unha festa cooperativa, baseada na igualdade e chea de ledicia.


Estas experiencias que vivín no CEIP Recimil non estiveron presentes dende os primeiros anos de escolarización. Foi cando ía nos cursos baixos de Primaria cando parte do profesorado propuxo recuperar esta festa que estaba perdida na meirande parte dos colexios de Ferrolterra e mesmo nas rúas e prazas das vilas e pobos da comarca.



 Asociacións Culturais e de Veciños, Concellos, ANPAS dos centros e Profesorado quixeron renacer a tradición dos maios como parte integrante da nosa cultura galega.


Todos os pobos sentiron ao longo da súa historia grande admiración polo renacer do mundo vexetal co final do inverno e o comezo da primavera, do bo tempo, cando xermolan a maioría das prantas.


Galiza non foi un caso illado. Ata ben entrado o século XX en moitas das súas comarcas celebrábanse de diferentes formas, pero coincidindo no fundamental, unha serie de manifestacións folklóricas, agrarias e lúdicas, co fin de festexar a chegada da estación, o que supoñía que coas novas colleitas da terra íase poñer fin á fame e ao frío dos meses do inverno.

Todas estas manifestacións pertencen ao denominado "Ciclo de Maio", tempo comprendido entre mediados de abril e mediados do citado mes. Son os restos de antigos cultos agrarios ou de fecundidade, de procedencia moi diversa e de distintas épocas que poden abarcar desde o Paleolítico ata a Idade Media. Non son manifestacións exclusivas de Galiza pois se localizan noutras comunidades, variando tan só o día ou algúns elementos, pero conservando sempre o esencial que é o propiciar unha abundante colleita e festexar o comezo do bo tempo.

A Igrexa tratou de adaptar algunhas destas manifestacións ao espírito cristián, de forma que as xentes chegasen a esquecer o seu primitivo significado. Dous claros exemplos poden ser o adicar maio -mes das flores- á Virxe María, e o día 3 á festividade da Invención da Santa Cruz.

Nas décadas dos corenta, cincuenta e sesenta, cando a dictadura franquista estaba no seu momento máis forte e poderoso, coaligada coa Igrexa Católica, estas prácticas relixiosas prevaleceron, deixando de lado as celebracións do Maios co seu significado primitivo.

Na actualidade é a festa dos maios, co espíritu de Curros, o que queremos recuperar, como símbolo de renacemento, futuro e liberdade.


Os "MAIOS" son a manifestación máis vistosa de todas as que se celebran durante o "Ciclo de Maio". Hai dous tipos moi diferentes de maios:


  • Os humanos, cando é unha nena ou un neno o que se disfraza de maio, cubrindo as súas roupas con follas, ramas e flores. 






  • Os figurativos, cando o maio non é máis que unha figura feita con paus e recuberta con musgo, fiuncho, xesta, etc., e adornado con flores, laranxas, ovos, etc. Os tradicionais son sempre cónicos ou piramidais. A súa forma recorda a dunha árbore que, case seguro, foi a súa orixe.


Esta diferenza tamén se manifesta no contido das coplas, pois mentres que unhas son máis poéticas e cantan as excelencias do bo tempo, outras son máis agresivas, críticas e, ás veces, fan alusións ás flores e á primavera.

Este mes de maio 

é o mes das flores 
cando os paxariños 
ven ós seus amores.


Señoras e señores 

poñan atención 
que imos falar 
do Sr. Gobernador.

Nin é alto, nin é baixo, 
nin é malo, nin é bó, 
parece un reló parado 
dentro da Diputación.



Desde este traballo quero reivindicar a celebración da Festa dos Maios, co seu espíritu de cooperación, igualdade e creatividade, soa súa visión crítica e de liberdade, valores que deben estar presentes na nosa vida e que, dalgún xeito, están simbolizados nos MAIOS.

No hay comentarios:

Publicar un comentario